domingo, 22 de novembro de 2015

"A voltas coa coeducación rural"

Crise sistémica tras crise sistémica o campo non para de desagrarizarse, descapitalizarse e desexualizarse. Sí, desexualizarse. Perdemos mulleres mozas, persoas LGTBIQ, memoria inmaterial, saberes, ópticas, proxectos de vida… Iste eterno éxodo rural non fai máis que restar potencialidades ás nosas parroquias e musealizar a pasos axigantados as aldeas de todo o país.

As políticas capitalistas e urbanitas non fan máis que repatriarcalizar os pequenos núcleos; atomizándoos entre sí e desconectándoos das contornas próximas. A axenda da UE para o rural redúcese a: negar a igualdade de oportunidades, afogar o crédito e o aforro, e desmantelar os servizos básicos de proximidade.

O heteropatriarcado capitalista non quere a Titularidade Compartida nas explotacións agrogandeiras, nin Colexios Rurais Agrupados (CRA), nin cooperativas que aposten polo decrecemento, nin outro xeito de entender o lecer e os estilos de vida, nin labregas bravas nas xuntas de comunidades de montes, etc. O status quo quere aldeas-museo e comarcas-parque temático. É decir: o rural como obxecto de consumo, mais non como suxeito de acción política. 

Pois ben, eu creo nun rural despatriarcalizado, pluridiverso e profundamente dinámico. Un espazo aberto e diverso onde as retornadas teñan o direito a voltar, e onde as autóctonas non teñan a obriga de saír. Penso en aldeas dignas interconectadas onde se viva de xeito decrecentista; valorando o micropolítico por riba de todo, equilibrando os ritmos sociais aos naturais, e salvagardando o patrimonio material e inmaterial.

Eu -retornado, feminista e activista LGTBIQ- soño con entornos de cercanía onde non se faga negocio coas últimas etapas vitais das nosas maiores; aldeas que non estén monopolizadas polos macrocentros da terceira idade nin por proxectos desarraigados que fomenten a dispersión das nosas avoas. As mulleres sabedoras teñen moito que aportar no tecido comunitario; moita experiencia e moito contraste. A posta en práctica dun ecofeminismo rural de base pón a sostenibilidade da vida no centro do debate e ubica estas prioridades no centro do taboleiro: cantos máis servizos comunitarios de proximidade existan; maiores cotas de benestar, igualdade e xustiza social para con as nosas nenas, mozas e maiores. 

Nós, as galegas que amamos o noso rural e temos vontade de resignificalo dándolle vida, temos a ilusionante tarefa de artellar ise novo espazo teórico-práctico que supón acoeducación rural. Ir máis alá da didáctica igualitaria clásica que da as espaldas aos entornos rurais e darnos a mau en torno ao ecofemininismo crítico, o feminismo comunitario e o activismo LGTIBQ rural que há de vir.

Unha axenda netamente micropolítica artellada dende a base e en contacto coas organizacións veciñais e sociais de cada contorna rural. Parroquia a parroquia até xerar dinámicas e espazos non patriarcais; comarca a comarca até propiciar a xeración de novos discursos e estructuras organizativas, de confluencia feminista, etc. Compre habitar espazos, socializar vivencias e democratizar saberes.
Non perdo a espranza nesta andainda de coeducar dende e para o rural. Primeiro, porque é urxente e unha débeda histórica, e segundo porque é viábel e sumamente motivante esta construción popular micropolítica. O rural galego precisa dunha nova coeducación que sente os pés na esfera do pequeño; recollendo vellas experiencias, presentes propostas e novas ilusións.

Nós -a ampla familia feminista que denunciamos a ruralfobia e o desmantelamento dos nosos marcos vivencias e de convívio- temos que abrazar a utopía de tecer unha constelación de propostas, iniciativas e dinámicas feministas en chave rural. Non queda outra. O rural será feminista ou non será. Será transmaribibollero ou non existirá.

Pero pra iso compre dignificar a cotianidade das minorías afectivo-sexuais no espazo físico e simbólico da ruralidade; loitar de xeito activo contra tódalas violencias que emanan das estructuras do heteropatriarcado; e como non, pór en valor o grande aporte fundamental da diversidade de xénero e afectivo-sexual  ao ben común de todas/os nós, ás nosas vidas e ao noso futuro porvir.

Publicado en Praza Pública


Ningún comentario:

Publicar un comentario