domingo, 25 de outubro de 2015

"Da utopía á acción: a necesidade dun paulatino éxodo urbano"

Artigo publicado en Galicia Confidencial o 21/03/2014


O FMI e o Banco Mundial sempre azuzaron e argumentaron a prol da imprescindible necesidade de urbanizalas poboacións: edificios grandes, barrios grandes, cidades grandes, sociedades grandes... Falocracia urbanística e acumulativa do capital patriarcal que aspira a asfaltalas nosas vidas e invadirnos con cemento. Ise é o mandato globalizador que vende progreso misturado cun urbanismo salvaxe.

Estamos ante unha obsesión ultraliberal enfermiza que non é nova, ben certo é que se agudizan dende a Guerra Fría os eixos de actuación orientados a poñelo acento en descapitalizalos territorios (expropiación dos recursos naturais, asfixia dos saberes locais, transxénicos, etc.), privatizalos servizos públicos básicos (educación, sanidade, pensións, políticas activas de emprego, etc.) e precarizala vida cotián das clases populares (salarios, dignidade, benestar, etc.). En definitiva, privatizar a esfera do doméstico e do cotián, o alimento e as condicións ecolóxicas que garantizan un mínimo nivel de benestar, obviar os ciclos ecolóxicos e darlle a espalda a ecosostenibilidade.

Diste xeito, a principal misión do capitalismo patriarcal é re/matar cos entornos rurais (éxodo rural e descapitalización de sectores produtivos estratéxicos) para que as clases populares se concentren ao redor dos grandes núcleos urbáns (incremento do exército de reserva, mau de obra barata máis mansa, dependencia total pra subsistir, maior facilidade para o adoutrinamento, videovixilancia e control dos corpos, etc.)

Esta misión estructural do capitalismo patriarcal non podería implementarse se non é grazas a un conxunto de doutrinas, teorías, lobbies, micropolíticas e resortes neoliberais que habitan no seo das institucións internacionais artellando e expandindo un proceso homoxeneizante no económico, sociopolítico e cultural: unha globalización urbanita e ecocida.

Iste clasismo urbanita tacha á ruralidade de anacoreta, desfasada e retrasada para a modernidade da humanidade, por iso se invaden - con total impunidade - pobos e territorios para descohesionar, cercar, recolonizar, explotar e despoboar.

Esta globalización urbanita nunca deixou de replicar nos países do Norte e recolonizar nos países do Sur, vendendo a idea de que o horizonte para as potencias emerxentes está en expulsar a poboación rural das aldeas, desplazar as comunidades orixinarias e indíxenas de valles e espazos milenarios, malvender a auga e os recursos fósiles, contaminar os montes e rematar coa soberanía alimentaria da agricultura e a gandería ecosostible. Todo un sinfín de políticas da morte desligadas do territorio, dos coidados e da vida; unha axenda globalizadora que socializa a contaminación e a débeda da banca, apoleirada de maneira soberbia nas estadísticas e os macrodatos.

Esquecen por tanto as micropolíticas do cotián, os coidados da vida e da terra, as maus que tecen as relacións sociais e alimentando a infancia e a xuventude. Ben sabemos que o PIB non contempla o valor da biodiversidade, o patrimonio cultural, os coidados, a soberanía alimentar, o benestar dos pobos e a paz... pero tampouco recoñece (nin calcula) a pérdida da ruralidade, a desaparición das economías locais e as súas implicacións, o patrimonio rural, o éxodo rural, as consecuencias da descapitalización dos entornos rurais... O capitalismo patriarcal fai a vista gorda e pasa do asunto. Todo parece indicar que o único obxectivo é que as clases populares que antes habitaban no rural e non dependían dos vaivenes dos mercados, agora sexan sangría migratoria que habite no extrarradio de cidades insostíbeis pra malvivir por debaixo do umbral da dignidade, habitabilidade e benestar.

Actualmente estamos a vivir procesos de despoboación histórica dos entornos rurais, procesos demográficos de grande calado que se esquecen nas ciencias sociais e non alarman o que deberían a sociólogas/os e ministerios. Unha realidade crecente e alarmante que ata os propios organismos internacionais anuncian entre a perplexidade e certa cautela.

Dende o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA) vense afirmando que para o 2030 o 60.8% da poboación mundial residirá nas cidades e entornos urbanos (extrarradios, poboamentos satélites das grandes cidades, etc.) Unha taxa moi elevada que non fixo máis que subir a partir de 1975 (37.3%), faguendo latente un fenómeno demográfico e sociopolítico que reflexa unha grande concentración poboacional urbana , grazas sobre todo a axenda económica do Banco Mundial e das políticas neoliberais que propician e aplauden iste procesos descapitalizadores.

Estamos sen dúbida ante datos alarmantes que aínda son máis catastrofistas se ollamos investigacións recentes do Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da ONU (DESA), as cales afirman que “a poboación urbana mundial incrementarase nun 75% ao 2050”.

E ben, continúa evolucionando e larvándose a sangría demográfica, sociopolítica, económica e cultural ante a atenta mirada dos actores sociais cómplices do colapso. Non para de sacralizarse como óptimo o incremento constante da Taxa de Urbanización (“índice demográfico que expresa a relación porcentual entre a poboación urbana e a poboación total dun estado”). O capitalismo patriarcal afirma que canta máis poboación urbana equivale e implica maior nivel de desenvolvemento. ¿Ecuación obxetiva e inocente? ¿Máis desenvolvemento pra quen?

As políticas ultraliberais que fixeron do éxodo rural un estandarte sociopolítico vense desbordadas a hora de garantir un espazo habitable e unha vida digna para as desherdadas e desherdados que chegan aos extrarradios das grandes cidades. Esgótanse as excusas, esgótanse as fórmulas de fumo e os contos da globalización urbanita.

A situación de colapso demográfico é dramática: desprazadas/os por falta de auga, políticas agrícolas nefastas, privatización das sementes pola usura das multinacionais, asfixia das escolas rurais, desempregadas/os pola introducción de transxénicos, marxinación de saberes locais e culturas propias, gandeiras/os sen terreos pola avaricia das hidroeléctricas, agricultoras/es sen espazo físico polo cerco dos lumes e as industrias papeleiras, mozas/os en paro nas aldeas pola ausencia de políticas activas de cohesión e dinamización do rural, mulleres sabedoras e coidadoras sen unha vida digna, cooperativas asfixiadas pola administración que as ignora, ausencia de servizos públicos nos pequenos núcleos poboacionais, etc.

Pero claro, a cidadanía consciente diste proceso de descapitalización do rural ten moitos roles claves para poder exercer; tanto na maneira de habitar, consumir, producir, traballar, desprazarse e relacionarse. O certo é que hai moitas maneiras de faguer micropolíticas dende o cotián pra sumar forzas ao paulatino éxodo urbano que ten que vir, pra reequilibrar tales despropósitos producidos por unha economía artificial que non está ao servizo dos pobos e das persoas: das necesidades reais das clases populares e dos ciclos ecolóxicos da vida.

A idea dun grande éxodo urbano como proceso global e interxeracional cicais é moi ambicioso e complexo a corto prazo (polas propias condicións sociopolíticas e económicas que xenerou a propia globalización urbanita); pero o certo é que a longo prazo é máis que necesario e desexábel. Un despoboamento progresivo e estructural das cidades. Menos urbanidade e máis ruralidade/s.

Ao mesmo tempo é crucial seguir profundizando na transmisión a infancia e a xuventude da relevancia do ecoloxismo social, recuperala soberanía plena nos procesos de producción-consumo, desestigmatizar os prexuízos que recaen sobre a ruralidade, reinventalos tempos e ciclos horarios, recuperalo patrimonio antropolóxico e ecolóxico, a urxencia de abordalo ecofeminismo e acadala igualdade real nos entornos rurais, dinamizar cooperativas e proxectos de soberanía alimentar, desfeminizalos coidados, habitar en pequenos núcleos poboacionais, reinventalo activismo ecoloxista e a participación política, potenciar o comercio local, tecer redes de apoio mutuo e coidados compartidos, millorar a calidade de vida das persoas maiores no rural, etc...

Un grande desafío, pero temos moitas ferramentas nas nosas maus. Micropolíticas alternativas ante esta globalización urbanita e ecocida que soo busca faguer residual e inhabitable o rural a costa de asfixiar o contexto ecolóxico.

Imos aceptar que se negue o direito a cultivar, crear, coidar, producir e habitar?
Imos quedar alienadas/os mentres se continúa a negar o direito a decidir e existir?


Ningún comentario:

Publicar un comentario