mércores, 16 de setembro de 2015

"Sobrevivindo ao alosexismo dende a resistencia homorromántica"

Bandeira do movemento homorromántico
Amor romántico non, hipersexualización tampouco”. Esta é a miña premisa de partida pra poder construir unha alternativa emancipatoria real e integral. Máis alá de discursos sexofóbicos ou arrománticos. Un bucle alienante, codependente e limitante no que o Amor Romántico e o Alosexismo síntense moi cómodos en verdade. O status quo heteropatriarcal amósanos un tándem antagónico que non é tal, pois o neoliberalismo saca moita tallada destas lóxicas de colonización estética e corporal, distes discursos esencialistas e cousificadoras.

A cuestión é, ¿cómo afondar na Revolución Sexual sen caer no arromanticismo? ¿cómo promover unha Revolución Amatoria sen caer na sexofobia? Eí están os retos pendentes e os interrogantes abertos que se nos apresentan constantemente.

O horizonte da praxe LGTBIQ está posto no artellamento de proxectos de autoxestión e vinculación identitaria e comunitaria que afonden nesta lóxica integral e constructivista. É decir, propor e visibilizar utopías sexuais, afectivas e amatorias dende un prisma emancipatorio que poñan o acento na soberanía corporal, emocional e vivencial do individuo.

Neste sentido plantéxome dende unha óptica homorromántica (que non de Amor Romántico) a necesidade activista de rachar con certos bucles binarios que alienan as nosas amatorias (Amor Romántico) ou exacerban como cánon hexemónico os vínculos xenitais-sexuais (Hipersexualización-Alosexismo).



Revoltas amatorias máis alá do alosexismo como norma

Por tod*s é sabido que vivimos nunha sociedade hipersexualizada cuxo piar fundamental radica na reiteración constante de que a actividade e contacto xenital-sexual é necesaria e primordial pra poder ter unha vida sá, plena e socialmente aceptada. Un marketing perfectamente calculado que se ven chamando 'alosexismo' dende as teorías LGTBIQ+. Táchase de alosexista e hipersexualizado a todo un conxunto de actitudes, reflexións e prexuízos lanzados dende certa superioridade ética e moral con respecto á xente que non acredita na ecuación “actividade sexual = necesidade vital = benestar xeral”. Unha ditadura alosexista que se afianza grazas a unha estrutura falocrática perfectamente artellada: binarismo de órganos, prácticas, actividades, ritmos, roles, etc. [a pasivofobia e a plumofobia son froito diste status quo]. Pois ben, as principais víctimas da violencia alosexista son as persoais asexuais; é sobre elas nas que recáen os principais prexuízos, agresións e ensañamento hipersexualizado. Unha situación de represión e control que reforza a vixencia do “armario asexual”. Unha socialización baseada na hiperactividade sexual e pornoficación de tódolos eidos da nosa vida cotiá. Pero claro, ¿cantas activistas LGTBIQ+ son asexuais e se autocensuran por un contexto hipersexualizado alienante? ¿cantas persoas descoñecen que habitan nun armario que o alosexismo nega? ¿Cal é o prezo identitario que hai que pagar por loitar contra un alosexismo que todo impregna? ¿Ostracismo ou ridiculización? A vulnerabilidade e precariedade que propicia o sistema alosexista é terríbelmente complexa e invisibilizada, por certo.




O continuum múltiple das romanticidades como millor loita contra o Amor Romántico

O Amor Romántico entendido como sistema patriarcal de opresión non ten ningunha intención por despatriarcalizar as afectividades e amatorias, está claro. Esta debe ser unha laboura nosa se queremos afondar no que se ven chamando Revolución Sexual-Afectiva-Amatoria. ¿Por qué? Sinxelamente porque é vital pras activistas LGTBIQ o feito de non caer en posicionamentos simplistas e arrománticos. Non se debe esquecer que hai un sinfín de romanticidades que tamén padece a ecuación cousificadora, esteticista e mecanicista do alosexismo. Sempre coa complicidade do Amor Romántico como subsistema, ise subsistema que nega as romanticidades e os activismos das romanticidades.

Antes quedou claro que non toda a xente víctima do alosexismo é asexual, de feito cada volta xurden máis voces críticas co modelo neoliberal do 'corpo-máquina' que plantexa como vital a urxencia carnal e a inmediatez do encontro xenital. E é que, existe a posibilidade de caer en certos riscos nesta supostas “revolucións sexuais” que en certo sentido se capitanean dende os resortes do sistema capitalista-patriarcal (consumismo, alienación, pornificación, publicidade sexista, etc). E claro. Ábrense novos interrogantes... ¿Existe o risco de que se pase de rosca a revolución sexual? ¿e se a revolta sexual non deixou de ser unha reivindicación alosexual que constreñiu a liberación integral plantexada inicialmente? ¿por qué o patriarcado plantexa como inviábel unha revolta afectiva, amatoria e sexual artellada dende tres eidos ben engarzados? Está claro que ao sistema non lle interesa a posta en práctica dunha revolta afectiva e amatoria dende a epistemoloxía feminista da non cousificación. Interesa reducir e neutralizar todo o relativo 'ao amor non patriarcal'; reducilo a unha parodia, unha cursilada ou insistir en que se trata de Amor Romántico.

Pero claro, as diversidades románticas son múltiples e as apostas activistas (aínda que invisibilizadas) resisten nas lindes do sistema. Pódese decir que a diversidade amatoria no aspectro romántico ocupa un continuun. Por unha parte teríamos as identidades monorrománticas (heterorromanticidade, androrromanticidade, homorromanticidade e ginerromanticidade) e por outro lado as identidades non-monorrománticas (pan-romanticidade, polirromanticidade, skoliorromanticidade, birromanticidade e androginerromanticidade). Compre rachar coa visión dunha Revolta Sexual carente de emocións, afectos e romanticidades; desterrar a idea folklorizada e arquetípica de que pra ser activista LGTBIQ debemos asumir posicionamentos arrománticos.



O 'capitalismo rosa', o canon homocentrista e o seu intento por invisibilizar a óptica homorromántica (entre outras)

Para o empresariado homonormativo é moi sinxelo decir: “todo o que non é sexual é amor romántico”. Carpetazo á cuestión amatoria e vía, ¿non? Cousifícase desta maneira tódalas dimensións non alosexuais; incluídas a realidade demisexual. ¿Qué pasa coas activistas LGTBIQ que precisamos de vínculos afectivos e amatorios intensos como previo paso para un encontro xenital-sexual? ¿Somos cursis e lexitimadoras do Amor Romántico por ter ritmos e necesidades diferentes e diversas? ¿Somos asexuais por reivindicar a existencia dunha realidade demisexual? A diversidade romántica non é sexofóbica, simplemente pon sobre a mesa un discurso e praxe propias coa finalidade de dignificar tódalas opcións; sempre pra fortalecer canles de comunicación e alianzas con aquelas persoas alosexuais alleas á demisexualidade, ás identidades románticas, etc. Pero claro, o 'capitalismo rosa' afianzou un modelo hexemónico, monotemático e canónico no que se fai bandeira do divide e vencerás. Dende a aposta neoliberal plantéxase a non reconciliación das Revolucións Sexual, Afectiva e Amatoria. ¿Por qué? Non interesa. Na cousificación, simplismo e atomización sácase máis plusvalía e menos solidariedade. Ao fin e o cabo o sistema non quere unha emancipación integral ou un proceso constituínte nas dinámicas LGTBIQ. Sigamos abrindo interrogantes...




Ningún comentario:

Publicar un comentario