luns, 31 de agosto de 2015

Síntese do Obradoiro LGBT no II Festival Agrogay da Ulloa

Marqueime como propósito faguer unha síntese sobre o meu paso polo #Agrogay2015 e alá vai.

A sesión na que participei de xeito activo deu comezo ás 12.20h e rematou ás 14.30h. Nestas dúas horas intensas de debate, encontro e reflexión (intragrupal e asamblear) púxose sobre a mesa unha diagnose xeral da situación actual dos entornos rurais en relación á diversidade afectivo-sexual. Sairon moitos máis temas vinculados á construcción dun hábitat rural propicio e aliado das identidades LGTBIQ+. Non se nuclearizou a xornada en torno a posturas victimizadoras, paternalistas ou ruralfóbicas; o ambiente xerado pretendía ir máis aló e non abordar a cuestión afectivo-sexual no rural dende un plano estigmantizante de "homofobia rural", "mundo rural", etc. Neste sentido falouse de patrimonio inmaterial, alianzas campo-cidade, memoria histórica, soberanía alimentar, xestión comunal, socialización interxeracional, micropolíticas que afondan no apego e os afectos, troco, benestar comunitario, etc.

Houbo dúas sesións de traballo intragrupal. Na primeira delas conformáronse 5 grupos pra abordar 5 termos específicos: salvagardar, despatriarcalizar, incidir, decolonizar e propiciar. Cada grupo tiña que reflexionar sobre “O qué, con quen, por qué e as finalidades a ter en conta”.



1. Primeira parte: "Accións sociopolíticas dende e para o rural"

Este obradoiro deu unha morea de ideas interesantes. Recollénse a continuación as ideas forza volcadas nos materiais:

» Falouse de preservar a cultura e a música do país.
» Fíxose fincapé na necesidade de partillar ferramentas de traballo (oficios cooperativos, etc.)
» Recalcouse a necesidade de loitar polo sosteñemento dos saberes mediciñais e agrícolas.
» Non esquecer o relevante que supón vivir de acorde cos ritmos naturais.
» Manter os espazos coletivos (de producción e troco de artesanía, gastronomía, etc.)
» Pór en valor a arquitectura propia e adaptada á cultura e climatoloxía local.
» Traballar as relacións interpersoais coa comunidade (relacións inter-xeracionais, principalmente).
» Respecto polo entorno.
» Manter a división territorial tradicional (lugares, aldeas, parroquias e comarcas).
» Reconectarnos coa realidade da vida coa sociedade urbanita (espazos de apoio mutuo); xeración de posíbeis interrelacións económicas.
» Empoderamento das mulleres
» Lograr a igualdade real na xestión dos montes (órganos de representación, etc.)
» Un recoñecemento e valoración das prácticas agrícolas.
» Fomentar a lóxica da autoorganización dende a base e contando co apoio das autoridades locais.
» Millorar a rede de transportes de proximidade.
» Faguer fincapé na necesidade de realizar asembleas parroquiais.
» Propiciar a fondo a transmisión interxeracional.
» Avanzar nas redes de educación/información.
» Trocar necesidades, desexos, etc.
» Fomentar o artellamento de redes sociais reais de proximidade.
» Pór en valor a autoxestión.
» Millorar os procesos de construcción das identidades 
» Fomentar a participación cidadá no rural pra incrementar os vínculos e compromisos.
» Obviar dinámicas alleas á realidade rural (tanto na agricultura como na xestión do local).
» Pór en valor a cultura e identidade local propia.
» Eliminar o autoodio.
» Fomentar a horizontalidade na toma de decisións (a lóxica vertical non é tan propia do rural).
» Unha integración real das persoas LGTBIQ.



"Para vivir nun país que camiñe hacia a autosustentabilidade e que sexamos capaces de recuperar a nosa autoestima como pobo", apuntan nun grupo que traballou en torno ao término 'salvagardar'.

"Que o rural sexa un espazo habitábel, sostíbel, ceibe, acolledor, reproducíbel e visíbel para as novas xeracións co fin de xerar unha memoria histórica viva", comenta nun grupo que traballou o término 'propiciar'.



2. Segunda parte: "Diagnose das diversas realidades e identidades"


Na segunda sesión de traballo intragrupal seguiuse coa reflexión dentro dos mesmos 5 grupos. Desta volta tiñan que analizar e pór en común as características principais, expectativas xeradas, posíbeis conflictos e retos a medio prazo de 5 perfís sociais de persoas que teñen vinculación có rural. As 5 realidades sociais abordadas foron:
  1. Persoas LGTBIQ+ retornadas, en proceso de retorno ou con idea de retornar.
  2. Persoas maiores LGTBIQ+ (viud*s, solteir*s, intern*s en centros, etc.)
  3. Mocidade LGTBIQ+
  4. Relacións afectivo-sexuais diversas / Familias homoparentais, homomarentais, monoparentais, monomarentais...
  5. Persoas LGTBIQ+ que habitan ocasionalmente no rural ou non (teñen vinculación afectivo/emocional ou apoian a causa agrosexual).

O resultado das dinámicas intragrupais neste segundo obradoiro foron enriquecedoras e as ideas volcadas xiraron case todas en torno as mesmas teses. A continuación presento un cadro coas claves fundamentais que se presentan máis comúns nas ideas partilladas na asemblea:


Características principais da situación actual
- É común o feito de ter unha ignorancia deliberada en torno ao feito do que existe ou non existe no rural (descoñecemento activo).
- En ocasións as persoas LGTBIQ+ non realizan moitas propostas edificantes pra un entorno que entender como “pouco atractivo”.
- Existen situacións de illamento social e frustración.
- É moi común o sentimento de desarraigo, o individualismo e a desconexión có entorno.
- As persoas LGTBIQ+ das clases máis baixas teñen máis dificultades pra vivenciar as súas identidades (clasismo).
- Aínda está moi enraizada a idea de que nas familias teñen que existir as dúas figuras patriarcais da familia nuclear.
- Moitas persoas LGTBIQ+ son ruralfóbicas; o que dificulta a xeración de alternativas.
Expectativas xeradas (aspiracións, proxectos, 'idealizacións', etc.)
- Froito do desapego, está moi xeralizado que non existan expectativas (asúmese que o rural non é apto pras minorías sexuais).
- Moitas veces pénsase que a comunicación no rural vai ter uns ritmos concretos e compre adaptar as inercias a outros ciclos (desurbanizarnos).
- Compre crear un rural activo e non musealizado (o turismo de masas non é unha alternativa real pra un rural vivo e diverso).
- Moitas persoas LGTBIQ+ pensan (erróneamente) que no urbano van estar máis arroupados ou protexidos cos seus iguais.
- Certa xente que vai ao rural muda de hábitat mais non de mentalidade; posto que seguen con modelos a imitar arraigados en coordenadas capitalistas e heteronormativas.
Posíbeis conflictos identitarios e relacionais (adaptación, frustración, etc.)
- Existe certo medo á inadaptación (por causas non obxectivas moitas veces).
- Unha educación familiar que reconcilia a esfera afectivo-sexual e a lingüística (erradicar o autoodio); incrementar o apego ao ecosistema; educación no afecto á cultura, etc.
- É posíbel que haxa falta de autoorganización pra respostar ás violencias.
- Pode exister certa frustración á hora de imitar modelos inalcanzábeis (de consumo, de beleza, de socialización, etc.)
- O consumismo desenfrenado que o 'capitalismo rosa' impuxo pode supor certos conflictos identitarios á hora de optar por un estilo de vida rural (é clave decrecer e valorar positivamente o decrecemento).
Retos a medio prazo (reivindicacións, alianzas, etc.)
- A asemblea manifestou -con certa reicidencia- a necesidade de asumir a visibilidade como un exercicio de responsabilidade cívica ante a comunidade rural.
- Enténdese que a educación é básica no proceso de reconciliar/nos (terapia comunitaria), abordar o apoio e millorar a autoestima das minorías sexuais.
- Faguer unha diagnose sobre a situación real das persoas LGTBIQ+ no rural (necesidade de comprender qué pasa).
- Faise fundamental traballar contra a ruralfobia dentro do colectivo LGTBIQ+.
- É primordial construir espazos LGTBIQ+ no rural (con ópticas, actividades e propósitos propios; sen caer en visións paternalistas nen victimistas).
- Promover alianzas reais, de base e comunitarias con organizacións feministas, sindicais, etc.



MATERIAIS EMPREGRADOS NO OBRADOIRO (elaboración propia)













Ningún comentario:

Publicar un comentario