domingo, 23 de agosto de 2015

"Proclamas ecofeministas pra unha (re)volta agro/sexual"

O noso rural non está condeado por unha maldición bíblica a esmorecer lentamente nen a pauperizarse con mortes lentas e agónicas. Acredito nuns entornos rurais con vida e cheos de diversidade, biodiversidades e múltiples realidades. Vivencias e historias que sempre estiveron abríndose ocos e tecendo alianzas dende, para e polo rural.

Levamos décadas de industrialización -e agora postindustrialización- que só incita ao abandono das nosas aldeas (éxodo rural), ao desmantelamento dos nosos sectores productivos básicos (terciarización da economía) e ao afianzamento dun estilo de vida monolítico que satura cidades e colapsa a vida (globalización). Iste sistema urbanita despreza a (bio)diversidade, cousifica os recursos de tod*s, negocia coas vidas das minorías e dos pobos, e mercantiliza as identidades.

Dende unha óptica ecofeminista internacionalista e soberanista só se pode faguer un diagnóstico complexo e interseccional de tódalas crises-estafas actuais. O capitalismo patriarcal colapsa o futuro no eido mediambiental e enexértico; no eido alimentar e cultural. Estamos ante unha forma de xestionar o local e o global que aliena aos individuos e individualiza aos colectivos humanos.

Despatriarcalizalo todo dende unha óptica anticapitalista e posturbana parece o máis axeitado, xusto e democrático. Faguer unha aposta clara por un municipalismo aberto e participativo no que tódalas identidades teñan voz propia e capacidade de decidir; unha verdadeira democracia feminista na que as persoas LGTBIQ+ poidamos ser suxeitos activos do deseño, implementación e xestión de hábitats vivíbeis e ceibes de violencias. A diversidade afectivo-sexual, ecolóxica e cultural ten que estar no centro das axendas, dos discursos e dos eixos de actuación.

(Re)volta escrébese con R de retorno e regreso: voltar á terra para despatriarcalizalo todo

O mesmo sistema que xestionou o éxodo rural, non vai incentivar o éxodo urbano que ha de vir. Iso está claro e temos que telo moi claro. Faguer habitábeis, con futuro e diversas as nosas aldeas non é un plan que entre na axenda urbanita. Destecer o tecido pola globalización non interesa a aquiles que levan décadas anunciando a bombo e platillo a agonía do agro, a pesca e o estivo de vida rural.

As persoas LGTBIQ+ temos o reto e utopía de faguer das nosas plumas, afectos e particularidades verdadeiros estandartes de apoio mutuo, encontro e revitalización. Dinamización de aldeas e parroquias non LGTBfóbicas e construción de relacións micropolíticas baseadas no coidado, o afecto e a salvagarda do noso patrimonio material e inmaterial.

É por isto que paso a detallar dez aspectos básicos destas (re)voltas agro-sexuais que se deron, producen e multiplicarán a medio prazo:

1- Pór os coidados e o Bo vivir no centro da xestión local e a parroquia.
2- Traballar intensamente por dinamizar, recuperar e producir patrimonio material e inmaterial.
3- Abordar de xeito comunitario e cooperativo tódalas diversidades e biodiversidades.
4- Crear e difundir referentes alternativos aos urbanitas e consumistas.
5- Despatriarcalizar todo eido social ou dinámica micropolítica na que estemos inmers*s (linguaxe, estruturas de poder, etc.)
6- Loitar contra a ruralfobia, o autoodio e as actitudes clasistas.
7- Afondar na confraternización, a defensa dos bens comunais e o eco-pacifismo de esquerdas.
8- Artellar unha coeducación rural que desencadene alianzas entre o ensino formal, non formal e informal.
9- Defender a soberanía alimentar, os circuitos cortos de comercialización e a economía local.
10- Transversalizar as neorruralidades e as diásporas á hora de implementar accións ou xerar discursos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario