sábado, 8 de agosto de 2015

"Por unha pedagoxía queer e coeducación transfeminista"

A continuación adxunto un artigo que publiquei no diario online Contrapoder o 14 de abril do 2014.

Estamos a vivir mutacións do patriarcado capitalista que se plasman no eido da educación e da práctica pedagóxica. Derivas autoritarias e tecnocráticas que atentan estruturalmente contra a educación pública e gratuita, a laicidade, a coeducación e — como non?— contra a diversidade afectivo-sexual.

O desmantelamento do Estado do Benestar tamén vai da man do desmantelamento do ensino público. Os mesmos lobbies financieiros que nos queren paradas e precarizadas, tamén nos queren desinformadas e parvas. Alienadas nun contexto educativo precario, mercantilizado, patriarcal e cousificado: alleo a emancipación cidadá, a igualdade real e a xustiza social.
En definitiva, os do 1% non queren unha educación pública, laica, ecopacifista, dos pobos, gratuíta, emancipatoria e feminista.
O certo é que interesa ben pouco a formación integral e emancipatoria das clases populares. Recházase dende as esferas do poder o ensino feminista porque desestabiliza o patriarcado (base material do capitalismo) e, négase constantemente dende os resortes do réxime español a diversidade afectivo-sexual, unha obviedade que se manifesta dende educación infantil e primaria.
Neste sentido as políticas e lexislacións educativas da direita máis casposa son ben sinxelas: «na escola o estudantado non ten xénero. Non compre abordar cuestións sensibles que alteren a normal evolución da conducta afectivo-sexual». Inspirados na educación do franquismo nacional-católico aínda quedan nostálxicos da escola segregada e patriarcal, esa que se empeña en manter a «doma e castracción» no ensino para apostar polo adoutrinamento españolista e patriarcal.

O PP nega a sexualidade e as violencias patriarcais nas escolas

Que podemos esperar dunha direita defensora da sacrosanta familia nuclear? Máis ben nada. Sempre se amosaron esquivos e pouco implicados políticamente na prevención da violencia de xénero e da LGTBfobia (só hai que tirar de hemerotecas e analizar declaracións institucionais, os exiguos orzamentos e a eliminación de campañas específicas de sensibilización). Ignoran o bullying, masifican as aulas, recortan na formación permanente do profesorado, despolitizan as AMPAS, negan o sindicalismo estudantil, recortan nas investigacións feministas e estigmatizan as ONGs que traballan na educación afectivo-sexual.
A situación actual da coeducación no estado español está tocada de morte dende os resortes do estado. Desgrazadamente igualdade legal non equivale a igualdade real e estamos a ver o incremento da violencia de xénero intraxuvenil, as propostas segregadoras da direita, intolerancia a diversidade afectivo-sexual e vellos roles sexistas e prexuízos patriarcais que non cesan de enquistarse nas aulas.
A escola é un bo reflexo da sociedade e esta complexa ecuación ben a coñecen os gobernos da direita que sempre alteran o ordenamento lexislativo en materia de coeducación e diversidade afectivo-sexual. Proba de todo este drama educativo vese claramente na cruzada político-relixiosa que desde a etapa de ZP se lle fixo a Educación para a Cidadanía (EpC), agora sentenciada de morte pola Lei Wert (LOMCE). E é que xa en febreiro de 2012 o Ministerio de Educación afirmaba que: «Tal como foi concibida, Educación para a Cidadanía convertiuse nunha materia con carga de adoutrinamento. […] Os novos modelos de familia e os direitos dos homosexuais caberán na nova materia na medida en que se expliquen na parte dogmática da Constitución […] A cuestión é que a norma fundamental do Estado non entra en concrecións de homosexualidade ou tipos de familias. Fala da igualdade dos homes independentemente da súa idiosincrasia, e isto é o que tocará a nova materia».
En resumo: a educación afectivo-sexual para o PP nunca foi asumida como educación: curriculum formal e pedagoxía. A eterna teima de negar a construción da cidadanía democrática e tachar a coeducación de «manipulación política» e «adoutrinamento feminista».
Ben certo é que estamos a ser violentadas por lexislacións educativas que negan as nosas sexualidades, afectividades, corpos e expresións estéticas. Estamos a ser agredidas por ordenamentos xurídicos que invisibilizan o sexismo e o heterosexismo nas aulas, que negan os micromachismos e o bullying LGTBfóbico (lesbofóbico, homofóbico, transfóbico e bifóbico).

Que facer ante esta ofensiva patriarcal que lexitima a escola heterofalopatriarcal?

Hai que auto/formarse, xerar novos espazos de resiliencia identitaria e coletiva, potenciar a cibermilitancia, achegar a academia ás prazas, facer activismo nas aulas e empoderarse dende o compromiso cos feminismos e unha sociedad libre de LGTBfobia.
Neste sentido compre ir más alá do que se entende convencionalmente por coeducación (reducida en xeral ao modelo de escola mixta). Hai que mudar o conto de xeito interrelacionado e non só aspirar á «igualdade entre os sexos« e á «prevención da violencia de xénero» en termos xerais.
A LOE podería dicirse que nunca acadou estes obxetivos feministas e emancipatorios. Por esta razón é crucial mudar as estruturas hexemónicas patriarcais das que se nutre a pedagoxía convencional (androcentrismo, heterosexismo e monosexismo).
Dende unha coeducación tranfeminista de máximos temos que ir máis alá do paradigma da igualdade formal e artellar unha nova proposta pedagóxica emancipatoria, utópica e que aspire a unha educación antipatriarcal real. Non so é igualar, é transformar e alterar as estruturas do sistema patriarcal capitalista.
Podería falarse de que compre un Proceso Constituvo Pedagóxico para democratizar educación, erradicar as violencias patriarcais nas aulas e facer dunha vez por todas unha educación feminista. Deconstruir o proceso socializador constitutivo dos xéneros e o proceso estrutural que sostén as violencias patriarcais (violencia de xénero, LGTBfobia, gordofobia, micromachismo, etc.).
O horizonte emancipatorio está en apostar por mestras/es e educadoras/es que desnaturalicen a construción das sexualidades e as afectividades, que despatoloxicen os corpos e os desexos. Unha laboura que pasa por recoller no cotián das aulas as propostas e conceptualizacións da teoría queer (Teorías Torcidas e TransMariBiBolleras).
En definitiva, levar ás escolas a repolitización das expresións estéticas, a denuncia das violencias simbólicas, desestabilizar os binarismos, evitar procesos de revitimización, falar de empoderamentos coletivos, afondar nas novas masculinidades. Camiñar todas xuntas no afianzamento dunha educación comunitaria, transfeminista e democrática que asuma as diferenzas, as expresións, as vivencias e as diversidades.

Non é unha laboura sinxela pero temos que estar cheas de entusiasmo e fortes para mudar radicalmente a pedagoxía dende a base se queremos que teña vixencia una revolución pedagóxica estrutural e cotián. E para iso temos que continuar apostando sempre pola participación de todos os axentes sociais dende un paradigma democrático de solidariedade, xustiza social, feminismos, paz, internacionalismo e apoio mutuo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario