martes, 18 de agosto de 2015

"Feminismo comunitario en clave de país"

[Ángel Amaro]

Moito se tén teorizado e debatido nos últimos meses en torno ao termo, corrente e movemento 'feminista comunitario'. Palestras, encontros e xornadas que poñen o foco no que representa pra nós (feministas occidentais) iste xeito de percibir, sintetizar e re-problematizar o noso contexto cotián. O 'feminismo comunitario' preséntase novidoso e dinámico nun contexto de crises sistémicas e violencias co-relacionadas. Unha proposta indixenista, popular e mestiza que se amosa en constante mutación; alleo a procesos de cousificación, esencialismo ou academicismo.
O activismo do feminismo comunitario é ar fresco procedente de Bolivia e Guatemala, principalmente. Loitas antipatriarcais das mulleres dos pobos orixinarios e campesiños. Mulleres afrodescendentes, LTBI (Lesbianas, Trans*, Bisexuais e Intersexuais), ecoloxistas, campesiñas, sindicalistas no agro e defensoras do Ben Común.

Pero, ¿qué o feminismo comunitario xurdise en América Latina implica que nos pobos do Norte global é inviábel a existencia de axendas comunitarias propias? ¿Hai na Galiza un feminismo comunitario vivencial ou experiencial que non se asume nas coordinadas do feminismo? ¿Fai falla ser muller orixinaria ou campesiña pra ser feminista comunitaria? Moitos interrogantes sen dúbida.

A defensa do comunitario na axenda local: o 'feminismo experiencial' da micropolítica

Podemos decir que estamos ante unha proposta teórico-práctica que se amosa poliédrica, reticular e tendente a xerar dinámicas con raigame e sentido de pertenza. É por iso que non hai un tipo de feminismo comunitario, nen unha corrente feminista comunitaria que poida ser hexemónica. Non esquezamos que unha das características máis revolucionarias de esta óptica de pensamento/acción radica en que cada eco-conflicto e minoría étnico/nacional é soberana no proceso de producción do saber, organización da axenda local e implementación da súa propia proposta. Neste sentido unha feminista comunitaria xinka e aimara non comparten as mesmas cosmovisións, termos e axendas incluso. O emancipatorio desta proposta radica no seu carácter híbrido e micropolítico, sen dúbida.
Non estamos ante emerxencias localistas que non teñan conexión e apoio mutuo. De feito as particularidades de xénero e étnico-nacionais non é obstáculo para que se artelle un paraugas do 'feminismo comunitario' que faga fincapé nas cosmovisións ancestrais dos pobos orixinarios, a armonía co entorno inmediato e a despatriarcalización de tódalas esferas do cotián onde se re-produce a vida social (fogar, comunidade, folklore, endoculturación, etc.)

Centrémonos na estructura das matrioskas, dos círculos concéntricos ou das espirais; do mesmo xeito se artellan as eco-dependencias, a cadena global de coidados e as estruturas de poder capitalistas heteropatriarcais. O feminismo comunitario resáltanos a idea de que a lóxica neoliberal está en consonancia e perfecta asociación simbiótica co heteropatriarcado e o antropocentrismo. O colonialismo no centro da axenda imperialista, tendo ao masculinismo como base material. Estamos ante alicerces antisoberanistas que teñen como único obxectivo conquistar tódolos territorios de contrapoder (corpo, hábitat e cultura).

Con frecuencia a relación intensa que teñen as mulleres co entorno ecolóxico e territorial fai que -en xeral- teñan un rol moi activo na loita contra a megaminería, o agronecio, a industria de transxénicos e celulosas, megaproxetos, empresas hidroeléctricas, etc. Unha tarefa de coidados que tamén debe incumbir aos homes xa que a sustentabilidade e futuro da nosa base material e inmaterial de existencia non entende de diferencias por xénero.
O feminismo comunitario pón o foco en que a soberanía debe estar no centro da axenda socio-política pra esí poder loitar contra o espolio, a cousificación e a mercantilización da biodiversidade, a vida e o patrimonio. Unha defensa radical dos bens comúns de propiedade compartida onde a democratización na xestión é elevada. As feministas comunitarias -e moitas activistas rurais ainda non asumidas feministas- defenden con uñas e dentes os saberes populares, as linguas e as características propias que as define como mulleres orixinarias, indíxenas ou pertencentes a pobos sen estado.

Maristella Svampa (2013) sentencia que moitas mulleres indíxenas, campesiñas ou de nazóns oprimidas defenden as soberanías afectivo-sexual, ecolóxica e territorial dos seus pobos sen perderse demasiado en divagacións teóricas e conceptuais ('feminismo vivencial'). A urxencia do inmediato non lles permite -en reiteradas ocasións- deterse a reflexionar demasiado sobre a etiqueta coa que se visibilizan no espazo e discurso; ou dende que corrente teórica plantexan a defensa integral dos seus corpos e territorios. Máis alá do proceso de 'asumirse' feminista, Svampa recalca que "las mujeres no se reconocen como feministas de manera explícita, sino que se empoderan en el marco de las luchas. La mujer, entonces, resignifica la lucha respecto del hombre. Aparece un nuevo lenguaje de valoración de los territorios, opositor a los lenguajes cientificistas de los gobiernos y las empresas". [1] É na propia dialéctica do contexto e praxis do eco-conflicto onde emerxen os diversos debates epistemolóxicos non-academicistas.

A Galiza local: xermolo dun 'feminismo comunitario' propio

No País hai moitos exemplos de loitas agrarias, campesiñas e medioambientais onde as mulleres teñen un rol activo e protagonista. Ducias de eco-conflictos atravesados por unha acción antipatriarcal micro ou evidente; mais sempre presente e estructural. Galiza está regada por microrrealidades deconflicto eco-social con nome de muller; moita memoria coletiva acumulada na que aldeas e parroquias lembran fazañas heroicas de labregas bravas e campesiñas comunitarias. [2]

En xullo de 1975 as mulleres da parroquia de As Encrobas ocuparon montes comunais e no agosto de 1989 en Allariz foron protagonistas da Revolta Veciñal artellando asembleas e poder popular. Mulleres de parroquia e eco-dependentes de sistemas de producción local que se mobilizan, coordinan, inciden e tecen redes de apoio mutuo. Actualmente cabe resaltar a praxe eco-feminista vivencial que está presente en moitos eco-conflictos do país: Sarria, Corcoesto, Laza ou Ribeira Sacra -entre outros tantos-. Posíbelmente a axenda feminista debería estar millor categorizada en termos identitarios; pero o feito é que case tódolos movementos parroquias e de base onde se defende a soberanía ecolóxica e territorial teñen as mulleres galegas como eixo fundamental e vertebrador. Polo de agora non tódalas activistas parroquias se asumen feministas, mais tampouco moitas das persoas que defenden a soberanía territorial das súas parroquias se asumen nacionalistas. Mais os obxectivos e a conciencia eí están; sempre presentes faguendo raigame pra futuros reflexións e asuncións individuais e coletivas.

Cada volta que se fan represas, talas masivas de árbores ou expropiacións en montes comunais... emerxen en comunidade as mulleres rurais e parroquiais ocupan o discurso e o espazo; con nome, dinámicas e axenda propia. Na defensa do común, na defensa de todas.


Referencias bibliográficas

[1] Melissa Zenobi (2013). 'Maristella Svampa: megaminería, extractivismo y patriarcado'. La Haine. Dispoñíbel en: http://www.lahaine.org/mundo.php/maristella-svampa-megamineria-extractivi

[2] A Plataforma 'Non A-76 pola Ribeira Sacra' é un bo exemplo da alta participación das mulleres na defensa do ben común. A acción 'Happy Ribeira Sacra' é unha boa mostra diso: https://www.youtube.com/watch?v=BGPRIR31zuI
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario