martes, 16 de xuño de 2015

"Municipalismo feminista dende parroquias antipatriarcais"


[Ángel Amaro]

Na Galiza hai 3.792 parroquias civís dispersadas por todo o territorio nacional convertindo a iste país nun pobo único en termos antropolóxicos e demográficos. Segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE, 2014) “o 49% das entidades singulares e o 76,7% das parroquias do Estado español pertencen a Galiza”. Aínda as estatísticas rebelan que a nosa impronta no territorio está marcada pola cultura da dispersión demográfica, o achegamento á terra en pequenos núcleos e a existencia numantina dunha forte ligazón cos entornos máis inmediatos que se nega a esmorecer.

E é que o pobo galego ben sabe aínda a simboloxía e identitarismo que rodea ao movemento mancomuneiro, a defensa dos bens parroquiais e todo o que rodea a vida e cotianidade dentro das aldeas tecidas polo simbolismo do parroquialismo. Máis alá da funcionalidade administrativa eclesiástica que supón o feito da existencia de tal ou cal parroquia; o pobo desbordou tódolos significados apriorísticos fai centos de anos na súa dimensión relixiosa e reapropiouse da existencia das parroquias; redimensionounas con sabor de terra, acción colectiva e sentir de solidariedade entre aldeas. Milleiros de veciñas asumen a existencia da súa parroquia dende unha óptica laica, centrándose na necesidade de habitar en torno a pequenas unidades administrativas achegadas a máis pequena esfera do local. Se as parroquias non existiran, o pobo veríase obrigado a inventar algo parecido. Xa que dende o seú nacemento no 569 d.c. sempre estiveron desbordadas pola acción popular e social da veciñanza. Nunca deixaron de ser institucións que naceron misturadas con matices priscilianistas, con veciñas nunca escravas e asentadas en aldeas sempre rebeldes.

Por moito que o éxodo rural, as políticas austericidas e a lóxica urbanita queiran sentenciar de morte unha forma de vida milenaria, son moitas as galegas que se negan a enterrar o modo de vida decrecentista e do ben común que supón o feito de asentarse en pequenos núcleos. Máis alá da lóxica das grandes urbes estamos ante unha forma de entender as vivencias e a cotianidade en clave local. Feito que posibilita o plantexarse a opción de participar en asembleas comuneiras pra xestionar montes parroquias, negarse a ser asimiladas por estilos de vida consumistas ou traballar pola memoria e o patrimonio inmaterial dende a célula máis pequena da nazón: 'o lugar' (pequeno núcleo de poboación no que se divide unha parroquia). Milleiros de galegas séntense fortemente vinculadas aos lugares e parroquias. Ben por lazos familiares ou afectivos; ben por vínculos culturais ou agrícolas. Pois ben. O feito de evitar o etnocidio rural refortalece os alicerces da nosa economía diversificada, cultura propia e cosmovisión compartida. Está na mau de todas o poder evitar o colapso no rural e a extinción das nosas bases materiais e inmateriais.

¿É posíbel conxugar un futuro éxodo urbano cunha recuperación renovada do feito parroquial? ¿Pór en valor a figura da parroquia é menos laico que faguer fincapé na dimensión administrativa do concello ou comarca? Máis alá da dimensión católica que teñen estas entidades colectivas; os feminismos deben faguer fincapé na visibilización de vidas, historias e praxis existentes en milleiros de aldeas de todo o país. Xa que antes de que nacera o feminismo occidental xa había labregas nas Revoltas Irmandiñas, mariñeiras con vidas non asimilábeis polo sistema ou gandeiras aliadas entre sí pra resistir nos peores dos panoramas. Non esquezamos que o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo tivo lugar en Rairiz da Veiga (Ourense) no ano 1061.

Neste sentido o ecofeminismo é unha praxe sociopolítica que conxuga claramente de forma horizontal a dimensión afectivo-sexual, nacional e ecolóxica para ubicalas ao memos tempo no centro da acción municipal. Non haberá futuro nos lugares e aldeas do país se non hai feminismo; pero tampouco haberá igualdade real en clave local si se expande o etnocidio, un xeito colonizador de habitar o territorio e un individualismo urbanita que dé as costas a ruralidade.

Publicado en Praza Pública



Ningún comentario:

Publicar un comentario